Friday 10 de May de 2024

O programa Prevención da dependencia do Concello de Boqueixón protagoniza unha xornada na Facultade de Ciencias da Educación da USC


Sete das persoas maiores participantes nesta iniciativa municipal compartiron as súas experiencias co alumnado

Sete persoas maiores que integran o Programa de Prevención da Dependencia participaron recentemente na presentación dun traballo elaborado por un grupo de alumnos/as de 2º curso de Educación Social da USC, para a materia “Contextos e ámbitos na Educación Social”. Este grupo de participantes, acompañados da educadora familiar municipal e dunha terapeuta ocupacional da Asociación AGADEA, foron invitados de honra nas aulas da Facultade de Ciencias da Educación.

Os e as estudantes expuxeron un traballo brillante elaborado tras a súa visita ao Local Social de Vigo (onde actualmente se desenvolve o programa). Para a súa elaboración, acompañaron ás persoas participantes no seu desprazamento ata o local e compartiron a tarde con eles e elas nas actividades de orientación espacio-temporal e de estimulación cognitiva.

Durante a presentación ante 60 estudantes de Educación Social, proxectouse un video-resumo do programa con imaxes captadas o día da visita. Posteriormente, as persoas maiores realizaron unha intervención individual onde salientaron a relevancia das actividades que realizan e o nivel de satisfacción de cada unha delas.

Como remate final, tanto o alumnado como as persoas maiores gozaron dunha sesión de xerontoximnasia dirixida pola terapeuta ocupacional.

Este encontro interxeneracional serviu para achegar a realidade e características deste programa ás persoas que estudan Educación Social. Tanto elas como o responsable da materia destacaron a importancia de levar a cabo actividades dirixidas a persoas maiores no contorno rural, e a importante función das e dos educadores sociais no desenvolvemento das mesmas